Archivo del blog

miércoles, 12 de diciembre de 2018

12-12-2018


12-12-2018

O día de hoxe comezou coma todos os demais. Cheguei un pouco antes para comentar con Ángela o plan do día. Así que tocou a sirena, saímos ata a porta para recoller aos nenos e nenas. Ao igual que todos os días, eu ía diante na fila e Ángela detrás. Segundo ían entrando en clase recordáballes que foran quitando as chaquetas e que deixaran a mochila na súa cadeira.

A asemblea desenvolveuse coma todos os días, sen ningunha novidade salientable. Seguimos todas as rutinas xa marcadas. Durante esta, veu a clase a nosa compañeira Yemile, pois quería ver como fixeramos as boliñas de nadal coas fotos dos nenos e das nenas. Expliqueille e mandeille o vídeo de onde quitara a idea. Cando me volvín incorporar a asemblea, era o momento de mirar o libro de Popi vén á casa, este é o libro que levan os nenos e as nenas xunto coa mascota e no que as súas familias explican o que fixeron durante a fin de semana. Tiñamos esta tarefa pendente dende antes da ponte, pois a nena a que lle tocou levalo estivo varios días enferma e non o puidemos ler antes. Unha vez que limos o que fixera e que a nena lle foi ensinando as fotos aos seus compañeiros e compañeiras, levamos o buzón que fixo Ángela para o centro da asemblea. Ensinámoslles as cartas que había dentro e explicámoslles que terían que colorealas por fora e, unha vez rematado, terían que debuxar o regalo que querían por dentro. Así que ían rematando escribiamos nós ao lado que era o que querían. Había de todo: coches, motos, “un pulpo de muchos colores”, roupa nova, un semáforo... Despois de escribirlles o nome do obxecto que querían dobramos as cartas. Unha vez que todos tiñan rematado, fóronse levantando segundo os íamos chamando, e metían a carta no buzón.

De seguido, explicamos que íamos xogar por recunchos, pero hoxe podían ir ao que quixeran. Isto fixo que moitos se sentisen perdidos e preguntaban a onde tiñan que ir, outros moitos esperaron sentados na súa cadeira a que lles mandaramos facer algo pero, a inmensa maioría, correron para ser os primeiros no seu recuncho favorito: xogo simbólico, construcións, coches...

O feito de que se sentisen así recordoume a un conto co que traballamos o ano pasado na materia de Educación Visual e Plástica: Flor roja, tallo verde. Este conto fai unha reflexión sobre como moitas veces coartamos a capacidade de decisión e de imaxinación dos nenos e das nenas sen darnos conta sequera, e de que isto repercute á larga, pois cando, nun momento puntual, lles damos esa capacidade decisoria para que decidan por eles mesmos séntense perdidos sen saber que é o que teñen que facer.

A pesar de darlles esta liberdade de decisión, fomos chamando de 5 en 5 nenos e nenas, máis ou menos, para que, no espazo dedicado ao recuncho de plástica, foran pintando os sobres para que levaran para casa a boliña de Nadal. Para isto, usamos cores “frías” azul escuro, azul claro e branco e collemos esponxas con formas de lúas, nubes e estrelas. Unha vez que remataban o seu sobre, limpaban as mans cunha toalliña húmida e viña o seguinte neno ou nena. Así que todos remataron seguiron xogando un anaquiño polos recunchos, aínda que non moito, pois a hora do recreo estaba cerca e queríamos ensaiar un pouco antes de saír.

Unha vez que os deixamos fóra, como non nos tocaba garda, Ángela foi facer unhas xestións e eu quedei pasando esta primeira metade do día á miña libreta. Cando rematou veume buscar e fomos tomar un café. Neste momento topeime con Carlota e estivemos comentando, a grandes trazos, as nosas experiencias nestas semanas e a mágoa que nos dá que esta sexa a última semana.

Así que tocou a sirena saímos recoller aos nenos e nenas. Coma todos os días, o tren para entrar custa algo máis que o da saída. Todos se sentaron e, quen o necesitou, foi ao baño. Fun pasando co xel para lavar as mans e, unha vez limpas, xa poden quitar a súa merenda da mochila. Hoxe despois da merenda xogaron coa plastilina, pois tiñan clase de TIC a continuación e non nos dá tempo a facer ningún outro traballo, pois hai a moitos nenos e nenas que lles segue a custar moito o momento da merenda.

Mentres que os nenos e as nenas quedaron en clase coa profesora de informática, Ángela e eu levamos para a pequena sala de profesores que hai case enfronte da aula o material que foron facendo os pequenos e pequenas todo este tempo e tamén os sobres e as boliñas. Escribimos en todos os sobres Bo Nadal! E metemos a boliña correspondente dentro. Despois, fomos ordenando os traballos dos nenos e das nenas, debuxos, fichas de grafo – motricidade, lecto – escritura... e as colocamos nas súas carpetas.

Cando volvemos para clase, mandámoslles que fosen buscar o seu caderno. Tiñan que facer unha ficha que consistía en sinalar aquelas partes do seu corpo que facían ruído. Para isto, aparecían tres imaxes: unhas mans aplaudindo, unha boca e os ollos. Puxeron un gomet na boca e outro nas mans aplaudindo. Segundo ían rematando, pechaban o caderno e o gardaban no casilleiro. Despois, regresaban á súa cadeira a desabotoarse e quitar o mandilón, unha vez fora e coas mangas ben colocadas poñían a chaqueta e se intentaban abrochar. Cada vez máis dan posto as cremalleiras sós, tamén cada vez máis dan posto a mochila (e que quede do dereito). Puxemos música e Ángela e eu fomos metendo os sobres coas boliñas de Nadal nas súas mochilas. Cando foi hora, fixemos a fila dos nenos e das nenas que quedan a comer no comedor e, así que marcharon, fixemos a fila dos que imos comer a casa.

Moitos nenos e nenas, xa na porta, lles comentaban aos pais e nais que os viñeran buscar o que levaban e case todos quixéronllo ensinar xa na saída. Moitos familiares xiráronse para expresarnos que lles encantaban. Dá gusto ver a cara de felicidade dos nenos e das familias ante o noso traballo!

Outro día máis que se acaba... e xa só quedan dous máis para a catarse!