Hoxe foi o meu primeiro día de prácticas, o cal comezou
as dez menos cuarto, onde a directora me acompañou a coñecer a parte do persoal
do centro escolar, posto que o centro xa o coñecía.
Polo de agora non temos moi claro o meu horario, pero
irei rotando polas aulas de tres, catro e cinco anos, segundo as mestras o
vexan oportuno.
Ás dez chegaron os nenos e fomos á clase, durante a mañá
estiven cos nenos de catro anos. Ao chegar á clase comezou a súa rutina diaria.
Quitamos os abrigos, colocamos as mochilas no seu sitio, igual que a carpeta e
a merenda, e puxemos os mandilóns. A profe escolleu un delegado, quen tivo que revisar os nomes dos nenos, chamándoos a
medida que ían saíndo de forma aleatoria nuns papeliños, se estaban na clase
ían ao debuxo do cole e sentábanse na zona de asamblea, pero se faltaban, ían
ao debuxo da casa. Ao rematar, contámolos, cantos nenos faltaban por un lado, e
cantas nenas polo outro, e ao final, sumámolos para saber cantos compañeiros e
compañeiras faltaban en total. Cun xiz, escribiu no chan, coa axuda da mestra,
o número de xente que había na aula (17) e os que faltaban (5).
De seguido, colocamos o calendario de novembro, de xeito
que o encargado debía tachar os días anteriores e rodear o actual, mentres que
noutro en branco, debía escribir o número de día no que estabamos. Tamén debía
colorear unha raíña no cadro do tempo que facía, neste caso a choiva, co que ao
final do mes fan un reconto do tempo que fixo. Na asemblea, tamén completamos o tren da semana, que ten un vagón
por cada día, relacionado coas cores. O vagón do luns é de cor vermella e tivo que pegarlle o nome do día e o das especialidades que tiñan nese día,
neste caso relixión e inglés. Por último, a profe mostrounos un libro no
que aprendemos cousas sobre o embarazo e vimos as fotos que trouxo unha nena de
cando estaba na barriga da súa nai e de cando naceu. Xa que están tratando o
tema do corpo na aula.
A maior parte a clase marchou coa profe de relixión,
mentres que dous nenos e unha nena quedaron na aula. Con eses tres alumnos
xogamos ao dominó e, despois, foron xogar cos camións e os coches. Mentres
tanto, a mestra foi comentándome algúns aspectos da súa forma de
traballar, que foi demostrando ao longo da xornada.
A continuación, voltaron o resto dos rapaces e rapazas, e
comezamos coa merenda, hoxe tocaba unha peza de froita. Cabe destacar que todos
a comen bastante ben, excepto unha rapaza, a quen non lle gusta nada a froita, o que
fixo que despois do recreo esta seguise un pouco coa merenda antes de
incorporarse co resto da clase.
O recreo foi no interior do centro, posto que as
condicións meteorolóxicas non eran óptimas para saír ao patio. Polo que o alumnado
de infantil foi a unha aula, na que estiveron cantando cancións e vendo vídeos.
Durante o mesmo, outras mestras invitáronme a subir á aula de profesores, onde
foron moi cordiais.
Ao regresar do recreo, a nena estivo un pouco máis coa
merenda, pero seguiu sen comer nada, polo que gardou todo e foi xogar. A mestra repartiu quen ía para cada recuncho, había tres: o do xogo simbólico, onde
xogaron cos bonecos e cunha cociña de xoguete; o dos puzzles, onde tiñan
diversos puzzles e xogos de mesa (como o dominó ou un ábaco con láminas nas que
contar animais de diferentes cores); e o de plástica, no que picaron cun punzón
o contorno da súa cara e xogaron con plastilina.
Para rematar, despois de recoller todo e ir ao baño por
turnos, destacando a súa autonomía para facelo sos, sentáronse cada un no seu
sitio e cantamos dúas cancións sobre o corpo. Finalmente acompañámolos ata o
comedor escolar á unha e media.
Pola tarde, ás tres, comezamos a clase cos nenos de cinco
anos. Estes rapaces e rapazas tiveron que rematar cada un a súa noticia de fin
de semana, é dicir, un debuxo sobre algo que fixeron nestes días sen cole e
escribir un título para ela. Segundo ían rematando esta tarefa, a profe ía asinándolles un recuncho dos catro posibles. Recuncho do xogo simbólico,
similar ao da clase de catro anos; das construcións, onde xogaban con pezas de
encaixe; dos animais, onde tiñan diversos animais de xoguete como crocodilos,
osos ou dinosauros; e o de plástica, onde xogaron con plastilina. Mentres
xogaban, a mestra mandounos por recunchos prepararse para marchar, é dicir,
quitar o mandilón, gardar as cousas na mochila e poñelo todo no seu sitio para
pillalo despois xunto coa chaqueta. Á vez, a mestra máis eu fomos preparando
uns cordeis que utilizará todo o cole na celebración do magosto.
Antes de marchar, recolleron os recunchos e puxeron a
chaqueta máis a mochila e sentáronse para unha pequena asemblea antes de irnos.
Nela, recordamos quenes eran os donos de varios contos que tiñan na clase, e
decidiron se estes os querían levar xa para a casa ou preferían deixalos un
pouco máis na clase. Un deles quería levalo pero dixo que antes quería lelo ao
resto da clase, mostrándonos as imaxes e inventando el un pouco a historia en
relación ao que alí aparecía, posto que non sabe ler. Finalmente, marchamos en
fila uns ata a entrada onde suben ao autobús e o resto ata o patio onde os
recollen para marchar á casa.
En definitiva, foi un día entretido, no que comezo a ver
realmente no que consiste esta profesión. Ademais, penso que a posibilidade de
estar en contacto coas tres idades será moi positiva, posto que se pode ver
realmente como evoluciona a súa aprendizaxe.