Archivo del blog

miércoles, 14 de noviembre de 2018

Día 8!

Hoxe o día comezou co plan de todos os mércores. Pouco a pouco, os nenos comezaban a chegar a clase, esta vez sen por o mandilón xa que os días que teñen psicomotricidade van en chándal e polo tanto non o precisan (só para o comedor).
A primeira hora de clase dividíase en dúas actividades: iPads e teclados. As nenas e nenos xa teñen dous grupos formados polo que un deles marchou coa profesora de música á aula de teclados e o outro quedou na aula cos iPads.
Na aula cada neno ten uns cascos propios para que, cando realicen algunha actividade na tablet non molesten aos demais co sonido. Hoxe todos traballaron a letra T coa axuda da aplicación “Leo con Grin” exceptuando dous rapaces con dificultades que practicaron a L, S ou M, xa que son as que están coñecendo. Unha vez rematado, tiveron un tempo libre para xogar na aplicación “Educa”, que propón diferentes xogos de lóxica, identificación, etc.
Mentres tanto, na aula de música estaban a traballar unha partitura nova. Nesta aula contan con 12 teclados polo que cada neno ten o seu (ao igual que cos iPads). Primeiro solfearon a partitura, logo tocaron todas xuntas, a continuación un a un e por último todos coa música de fondo. Para rematar a clase a mestra tocou no piano varias notas (do-re-mi-fa) e os nenos debían dicir cal era a última nota que ela tocara.
Cando rematou esta primeira hora, todos se reuniron na aula para dar comezo á seguinte tarefa: unha ficha sobre a letra I. Nela as nenas tiñan que repasar esta letra tanto en maiúscula como en minúscula, ademais de escribila elas mesmas. Cando remataron puideron colorear os dous debuxos que había: un dunha iguana e outro dunha nena chamada Irma.
Por último antes de saír ao patio, cada un colleu as súas tarxetas de letras. O que debían facer era escoitar as palabras que a profesora dicía (por exemplo: sol, fila…) e colocar as tarxetas na mesa facendo esa palabra. Tras unhas cantas palabras, era hora do recreo.
Ao volver do recreo tocoume na clase de 5A, na que fixemos exactamente o mesmo que na primeira hora da mañá con 5B: iPads e teclados. Ao rematar, os nenos que comían na casa colleron o abrigo para irse, mentres que os de comedor saíron a pór o mandilón.
Pola tarde volvín a 5B. Primeiro lemos un conto sobre a granxa xa que a un dos alumnos lle gusta moito ese tema e quería compartir o seu libro cos compañeiros. A continuación fixeron unha das actividades que propuña o seu libro de matemáticas e lóxica “Qué me cuentas”. Nela tiñan que pegar distintas pegatinas de pezas de legos en diferentes caixas dependendo da súa cor e tamaño. Despois, cada un dos nenos colleu unha bolsa na que había triángulos, rectángulos, círculos e cadrados de diferentes cores e tamaños. O que debían facer era levarlle á mestra á figura que ela pedía (por exemplo: círculo non vermello e grande).
Para rematar a tarde as nenas e nenos baixaron ao ximnasio para ter unha clase de psicomotricidde.

No hay comentarios:

Publicar un comentario