O meu
día de hoxe, mércores 5 de decembro, comezou cos nenos e nenas de cinco anos. Ao chegar á aula preparámonos
e sentamos na roda de falar. Unha vez alí, o encargado do día, comezou coa
rutina. Puxo o seu nome, contou o número de compañeiros e compañeiras que houbo
na aula, despois de chamalos polo seu nome, poñer o día no que estamos, o tempo
e cubrir o calendario.
De
seguido, dividíronse nos recantos. Da cociña, dos animais, das construcións e
dos puzzles. Mentres, segundo lles mandaba a mestra, pintaron unhas botellas, que
simularán moas, e uns papeis con pegadas de cores. Así mesmo, foron ao baño
antes de recoller. Despois, merendaron e, tras poñer as cousas no seu sitio,
lavaron as mans e a boca. Colleron as chaquetas, e puxéronse na fila segundo a
profe e eu lle íamos indicando, un cada unha.
No
recreo, estiveron na zona do areeiro, pois facía bo tempo. En xeral, portáronse
ben, aínda que houbo algún incidente. Destacaron as súas preguntas sobre que día era e se mañá había cole, supoño que este cambio na semana pola ponte os desconcertaría, moitos crían que xa era Nadal, "como vai haber cole se é Nadal?" dicíanse uns a outros. Do mesmo xeito que o tema do cine, ao que irán a semana que ven, foi moi concurrido.
Á volta
fun co alumnado de catro anos. os rapaces e rapazas foron aos recantos: da
cociña, da plastilina, dos coches e dos puzzles. Así mesmo, a profe os ía
chamando un a un para que fixeran unha tarefa na que debían decorar unha tarxeta
coas súas pegadas, contando cunha plantilla dunha árbore. Do mesmo xeito, eu os
ía chamando un a un para facer a mesma actividade que fixeron os de cinco anos,
cubrir un folio grande (A3) coas súas pegadas de diversas cores. Deste xeito, a
maior parte da clase fixo as dúas tarefas. Foron ao baño e recolleron todo
antes de marchar ao comedor.
Á volta
de comer, fomos coas mestras ao ximnasio para a clase de
psicomotricidade. Nela xogamos ao “stop”, unha modalidade de pilla pilla, na que
cando son pillados deben quedarse quietos e coas pernas e brazos abertos, ata
que outro xogador ou xogadora lles pase por debaixo, que volven a escapar. Neste
xogo decateime das diferenzas entre as clases, xa que os de tres anos queren
que o fagas todo con eles, posiblemente porque se guían sempre por nós, mentres
que aos de catro anos gústalles que te inclúas no xogo, por outra parte, os de
cinco anos son máis independentes. Despois, inflamos uns globos e, por equipos,
foron facendo diferentes cousas, avanzar mentres o lanzan polo aire, andar con
el entre as pernas e en parellas levalo entre os dous de fronte ou de espaldas.
Como xa se nos acabou o tempo, voltamos para a clase.
Marchei
coa clase de tres anos. Estaban xogando con bonequiños de plástico e acabando
de ir ao baño. Despois de xogar un ratiño con eles, e cun de pesca que sacou
a mestra máis tarde, recolleron todo e preparámonos para marchar á casa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario