Hoxe foi o meu segundo día. Ao contrario de onte xa ía máis relaxada pois sabía polo menos os nenos que ía atopar. Agardeinos na aula coa mestra e comezou a mañá.
Até o recreo estivemos con 5 A. As actividades propostas foron varias, algunhas similares ás que onte fixemos con 5 B xa que están case ao mesmo nivel.
A primeira tarefa consistía en representar diferentes figuras coas pezas do tangram. O alumnado facía un traballo individual na súa mesa xa que na pizarra había moitas figuras e eran eles os que escollían o que facer. Ao rematar, gardaron as pezas nun sobre e fixemos un exercicio de relaxación para comezar a seguinte tarefa. Esta consistía na explicación da letra I e da realización das mesmas actividades que onte fixemos en 5 B. Isto vai sempre así xa que a miña titora dá as clases en castelán e repite o mesmo en ambas clases, algo que se fai bastante repetitivo pero tamén me serve para observar os diferentes ritmos dos nenos porque estou en contacto con dúas aulas.
Ao rematar, baixamos ao patio. Esta vez fomos nós quen estabamos nel vixiando polo que observei como os nenos se relacionaban independentemente da clase na que estiveran e incluso me animei a xogar con eles pois non me gustaba a idea de ser como un garda que só observa.
A continuación subín á aula con 5 B e as tarefas propostas foron as que onte fixermos con 5 A (de novo, moi repetitivo).
Pola tarde volvín estar nas dúas clases. Primeiro estiven con 5 B, que tiveron música (a mesma sesión que tivo a outra clase onte, mais como os de A van algo máis avanzados aproveitaron para ensaiar a canción do festival de nadal) e unha vez que remataron e se foron a alemán/inglés, cambieime a 5 A. O que fixemos foi rematar o conto que comezamos onte e realizar unha pequena sopa de letras en relación con el. Por último comezamos unha tarefa do libro de actividades matemáticas, mais non dou tempo a rematala xa que era hora de cambiar os mandilóns por abrigos e marchar para casa.
Foi un día intenso xa que dous rapaces acabaron chorando porque a mestra lles berrou e ante tal actitude non sabía como reaccionar pois considero que estiveron fóra de lugar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario