07-11-2018
O
día de hoxe comezou coma todos, un sinfín de chaquetas polo chan, intentando
poñer orde e que foran por quendas colgalas no seu percheiro, mochilas sen
dono... O día de hoxe presentábase complicado. A asemblea de hoxe levouna
Ángela, mentres eu remataba de colorear e poñerlle o texto ao conto da castaña
que contaríamos como peche. Seguimos as mesmas rutinas na asemblea, realizando
o mesmo esquema de “actividades” que realiza o encargado. Aproveitando que
moitos nenos e nenas estaban a traer castañas para o magosto, puxemos no chan
gran cantidade delas e traballamos temas de lóxica – matemática como pouco e
moito ou grande e pequeno. Para isto faciamos montóns e preguntabamos en cal
dos dous montóns había máis ou en cal había moitas castañas e en cal só unhas
poucas. Logo empezamos a traballar o grande e o pequeno sinalando aquelas
castañas que eran grandes e aquelas que eran pequenas, así que o fixemos cunhas
5 de cada e as puxemos en distintos montóns, foron vindo os nenos e nenas un a
un e collendo unha castaña e colocándoa no montón que lle correspondía: grande
ou pequeno. Como case todos optaban por buscar unha castaña grande, logo era a
profesora Ángela quen lles indicaba que buscasen unha castaña grande ou unha
pequena e que a colocaran no montón correspondente. Por último, como os pais
dunha das nenas da clase debeu entender
mal a petición de que as castañas para o magosto tiñan que vir crúas e
adentadas e llas mandaron xa peladas decidimos probar como sabía a castaña
crúa. En xeral gustoulle a case todos os nenos e ás nenas, agás dúas
excepcións. A continuación Ángela explicoulles aos nenos e ás nenas o que
tiñamos que facer a continuación, unha ficha do seu material na que aparecían
diferentes debuxos de castañas e tiñan que pegar unha pegatina nas pequenas. A
pesar de que non lle gusta o método de “fichas” emprégao por que é o primeiro
ano que está traballando nunha escola de 3-6 e cando chegou, a mestra que esta
antes xa o deixara encargado, polo que todos os nenos e nenas xa o tiñan
mercado cando se incorporou ás clases. A pesar do ben que me trata Ángela e que
sempre intenta facer outro tipo de cousas cos nenos e nenas isto resultoume moi
decepcionante, pois o criterio principal que empreguei para a elección do
centro foi que empregasen a metodoloxía por proxectos, pois resúltame moi
interesante, pero, ao mesmo tempo, paréceme verdadeiramente complexo levalo á
práctica.
Segundo
ían rematando, metían a ficha no seu casilleiro. Logo fixemos unha fila (por
primeira vez “fomos maiores” e non íamos agarrados ao compañeiro ou compañeira
de diante, senón que levabamos as mans atrás), pois tocábanos “O recuncho do
medo” unha instalación situada no corredor con temática de Samaín na que
aproveitamos para contar un conto sobre unha bruxa. A continuación tivemos o
recreo, momento no que, sorprendentemente a metade dos nenos e nenas da clase
na que estou estaban sentados contra a parede. Conversando con eles
confesáronme non ter ganas de xogar por “medo”, pois ese patio interior no que
temos que estar os días que fai malo é dun tamaño bastante reducido para meter
nel a todos os nenos e nenas de infantil, e algúns dos máis pequenos teñen medo
polo ruído e polos nenos e nenas máis maiores que corren. Cando regresamos a
clase tocaba merendar e, como era de esperar despois de botar todo o recreo
sentados... estaban todos alborotados correndo, saltando... como todos os días,
así que van rematando de merendar e recollen as súas cousas e tiran o lixo
sobrante da merenda, dámoslles unha boliña de plastilina para que xoguen. Cando
rematou esta hora tiñan informática, e como outra das mestras de infantil
faltaba por motivos persoais, Ángela pediume que a acompañase na hora de garda,
pois non estaba segura de se con esa mestra había alumna en prácticas, e ao non
coñecer aos nenos e ás nenas parecíalle máis oportuno estar as dúas na aula.
Chegamos á clase e os nenos e nenas aínda non regresaran da clase anterior.
Estivemos observando a decoración da aula e algúns dos traballos expostos.
Cando chegaron os nenos e as nenas viñan acompañados de Carlota, unha das miñas
compañeiras de Prácticum. Presentámonos e Carlota explicounos o que a mestra
dixera que tiñan que facer os nenos e nenas, e facilitoulles diferentes
materiais de construción, puzzles, coches... para que xogasen. Aproveitando
momentos que quedaban un pouco máis libres e que os nenos e nenas non
precisaban da nosa intervención, aproveitamos para contrastar opinións destes 3
primeiros días.
Ao
volver a nosa aula, como pasara o día anterior, un par de rapaces e rapazas
estaban durmidos encima da mesa. O resto foron en orde quintando o mandilón e
collendo a chaqueta, e volvemos a ese punto no que todo é de todos e nada de
ninguén, chaquetas tiradas, mangas dadas a volta, botóns que non se
desabrochan... Así que ían rematando todos os nenos e nenas, puxemos música e
puxémonos a bailar, pois hoxe foi un día moi axetreado e no que botaron a
maioría do tempo sentados. Cando deu a hora, fixeron fila os nenos e nenas que
quedan a comer no comedor, mans atrás e non no compañeiro e algún que outro
choro por querer comer na casa. Despois marcharon e tocou a fila dos que se van
para casa, esta fila visiblemente máis feliz, e saímos fóra para marchar. Así
que recolleron a todos os nenos e nenas, Ángela díxome que podía marchar e fun
a clase a polas miñas cousas, era de esperar pensar que xa me ía ir sen ningún
outro imprevisto... pero non. Cando estaba saíndo pola porta, o pai dun neno da
aula pediume que lle explicara ao seu fillo que era o que se ía facer coas
castañas que deixara esa mañá en clase, pois as quería levar para casa. Despois
de explicarlle detidamente que as íamos comer todos xuntos o venres, que
estaban traendo todos os compañeiros e compañeiras castañas o pai colleuno no
colo, nese momento dixo: “Ah! E unha cousa” esas palabras craváronseme dentro,
soaba a que algo non ía ben, eu estaba soa e sentín un pouco de medo por non se
non sabía como reaccionar ante o que me fora dicir. Ao final non foi nada
“grave” só quería saber por que o seu fillo tiña o pelo mollado...
Estes
días non paro de sentir historias sobre os pais e cousas que lles recriminan ás
mestras e ameazas de denuncias por que os seus fillos/as chegan a casa con un
rascazo ou con algún golpe. Isto faime cuestionar moitas cousas, entre elas por
que é sempre tan cuestionada a nosa actuación como docente, vale que eles
coñecen ao seu fillo/a pero moitas veces, a actitude na casa e na escola tamén
son totalmente diferentes. E tamén me pregunto como estarán eses nenos e nenas
en casa, estarán envoltos en papel de burbullas? Poderán xogar no parque? Cando
están con eles nunca caen?
Creo
que a nosa profesión segue a estar moi desprestixiada en xeral na sociedade, e
moitos destes comportamentos que teñen algúns pais (que non todos), non fan
máis que empeorar a situación e crear un clima de tensión no que cada vez se nota
que se empezan a tomar máis medidas de seguridade, non tanto en beneficio dos
nenos e nenas (porque non sempre van en favor dunha educación completa e
global) senón en beneficio do mestre e do centro para evitar problemas coas
familias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario