Archivo del blog

lunes, 5 de noviembre de 2018

Primeiro día! (5 de Novembro)

Este foi o meu primeiro dia de prácticas na escola Vilas Alborada. Cheguei ao centro 15 minutos antes de que abrisen as súas portas para acoller ao alumnado de infantil e primaria debido a miña grande ilusión. Con sorte para min, a directora pasou por alí cando cheguei, polo que abriume a porta e puiden refuxiarme do frío no interior do edificio. Ela presentouse, e eu tamén, e despois diso levoume á sala do profesorado onde atopeime con tres persoas, un home e duas mulleres, que facían prácticas no mesmo centro, pero sendo eles de primaria. Alí dentro, esperei uns 15 minutos. Mentres tanto, varios mestres entraron na sala e tiveron unha conversa do máis agradable e gracioso, dándome de conta de que a maioría deles tiñan gran capacidade de expresión corporal.
Unha vez rematada a espera, a directora levoume á aula na que farei as prácticas durante este mes. Trátase dunha aula con 25 nenos e nenas de 3 anos. Sorprendeume o feito de que a aula fose moi espaciosa, debido a que o colexio por fora non parece a gran cousa. A decoración é agradable á vista. Teñen moito material, pero disponse dunha maneira ordeada polo cal a aula non resulta estar sobrecargada. Teñen un pequeno "segundo piso" onde fan xogo simbólico, un recuncho de lectura, unha zona recuberta por unha especie de alfombra bastante grosa, e a zona das mesas as cales son máis ou menos circulares, aptas para que o alumnado poida sentarse en grupos, os cales parece ser que cambian co o tempo.
A miña tutora recibiume con moita amabilidade e cunha gran aperta. Resultoume verdadeiramente simpática, debido a súa forma de falar, dunha maneira cercana.
Tras uns minutos no cal recibimos aos nenos que iban chegando, comezamos coa clase. A mestra, presentoume aos nenos dicindo que estou a aprender a ser mestra coma ela, e que estaría alí ata o 14 de decembro, fecha que eu faciliteille. Entón, cun rotulador vermello foi ao calendario e rodeou o número 14, e contou semana tras semana para que os nenos e nenas veran canto ía a quedarme eu alí.
O primeiro que fixemos despois da miña presentación foi elixir á encargada daquel día. A mestra, usando unha lista de clase que ten pegada nunha parede, fixo unha sorte de xogos para elixila, e acabou tocándolle a unha nena que pareceume tranquila de carácter. A mestra deulle unha tarxeta, que está nun collar, e fixo que a nena puxera o seu nome letra por letra nun pequeno taboleiro con velcro que ten pegada na mesma parede que a lista. Cando rematou, cantamos unha canción na cal deletreamos o nome daquela nena. Despois, cun rotulador tachou no calendario os días que xa habían pasado, e nun pequeno taboleiro con cinco columnas para os días de luns a venres, colocou unha tarxeta co número cinco, simbolizando o día de hoxe. Entón, a encargada e máis unha compañeira que elixiu, foron afora para mirar o tempo. Cando voltaron, dixeron en voz alta o clima de hoxe, o cal foi chuvioso e con fríos ventos, e logo puxeron dúas mini tarxetiñas enriba do cinco simbolizando estos dous aspectos. Todo isto levounnos unha hora enteira, polo que os nenos e nenas almorzaron na clase. Sen embargo, antes de que comezasen, a encargada foi a cada unha das mesas e ordenoulles aos seus compañeiros que foran a "facer un pis" e a lavarse as mans. Cando remataron de comer e de recoller, fixeron unha actividade na que picaron un circuliño branco cun punzón, que máis tarde a mestra pegou nunha cartulina rectangular negra de forma que parecía unha lupa, a cal estaba pegada a un libriño feito cunha cartulina negra e un plástico, o cal tiña o debuxo da cara dos nenos e nenas, feitas por eles mesmos, de cor negro tamén, polo que para ver ben a cara debían por a "lupa" entre o plástico e a cartulina.
Despois daquela actividade co punzón, fomos ao ximnasio xunto ao resto de aulas de infantil para o recreo. Alí, os nenos e nenas xogaban e corrían uns cos outros. Varios deles, da clase na que fago prácticas, viñeron a xunto mía para pasar o tempo. Tamén, outra nena da miña clase recibiu un golpe na cabeza e a mestra levouna a botarlle crema.
A mestra explicoume que o profesorado de infantil turnábanse para así poder xantar, e que se quería tiña unha cafeteira de cápsulas na sala do profesorado, e eu contesteille que non facía falta, pero que grazas pola información.
Unha vez rematado o recreo, fumos de volta á clase onde encendeuse unha pizarra dixital. Nela, cantamos tres cancións, miramos fotografías dun evento que fixeran hará uns días o cal foi o cumpleanos dunha das nenas, e a mestra leu un correo que a nai da cumpleaneira mandou en resposta ás fotografías. A mestra explicoume que tiñan ese sistema de correo para comunicarse coas familias e enviarlles cousas que fan no centro.
Tras todo iso, acabou a mañá. Algúns nenos foron para a súa casa, pero a maioría quedaron a comer no comedor. Eu marchei para a miña residencia a comer, e despois fun de volta para a tarde.
Cando entrei, atopeime coa mestra de inglés. Deime de conta de que o alumnado chamaba a miña tutora polo seu nome, pero á mestra de inglés a chamaban "teacher", término que usarei para mencionala.
Cando todos os nenos e nenas chegaron á aula, a teacher dividiunos en grupos de tres para traballar por recunchos. Algúns fixeron xogo simbólico, outros fixeron construccións, outros, puzles, outros xogaron cunha tablet (sendo estes, xogos didácticos en inglés), outros con animais, outros con pinzas e pompóns de cores, e, por último, outros con coches. Despois, cantamos dúas cancións en inglés. A última actividade que fixo, foi nun caderno de actividades, na que fixeron só a primeira delas. Nunha folla había tres caras, dúas de dous nenos e unha dunha nena, que sentían cousas diferentes. Un tiña a expresión de tristeza, outra a da alegría, e outro estaba enfadado. Sen embargo, estas caras non tiñan boca. Os nenos e nenas debían coller unhas pegatinas doutra folla e colocalas correctamente no seu lugar. En cuestións ao resultado, houbo de todo. Algúns nenos o fixeron moi ben, pero outros decidiron coller outras pegatinas e pegalas no seu lugar. A  teacher usara ese libro por primeira vez, e non quedou moi contenta coa actuación destes nenos.
Por último, volveu a mestra e fixemos unha última actividade. Repartiu uns folios cheos de circulos de cores que o alumnado fixera anteriormente cuns cilindros (corchos de tapar botellas), e mandou que con rotuladores, os rodeasen usando unha cor distinta cada vez. A encargada puxo enriba de cada mesa unha caixa con distinto material de debuxo e comezaron coa actividade. Ao rematar, recolleron, e fomos xuntos ao lugar onde está a alfombrilla grosa para a lectura dun conto. Os nenos sentáronse, e a mestra captou a súa atención cunha canción moi curtiña e unha especie de rutina , o cal consiste en abrir ben os ollos, limpar ben as ourellas, pegar o cú ao chan con pegamento, e pechar a boca cunha cremalleira. A mestra relatou o conto con gran expresividade, mentres ensinaba os debuxos aos nenos, e unha vez rematado recolleron as súas cousas. Algúns foron para a súa casa, outros foron a judo e outros foron á biblioteca.
En xeral, foi unha gran experiencia, e a pesar de ser o primeiro día, aprendín bastante en cuestión a dinámicas de clase. En concreto, dicir que os nenos son bastante máis calmados do que pensei, tal vez debido ao traballo que fixo con eles a mestra, a pesar de que hai algún que é bastante revoltoso, tozudo e de gran carácter, e outro que pegou a unha das súas compañeiras durante o recreo e foi reprendido pola mestra máis tarde. Durante o día, dediqueime principalmente a observar, aínda que axudei nalgunhas cousas coma se fosa unha mestra de apoio, tales como axudar aos nenos a colgar e descolgar cousas, a ensinarlles para que poñan a súa chaqueta ou mandil, desabrochar botóns ou asistir aos nenos e nenas que precisasen da miña axuda ou a buscasen activamente.
Espero con grande ilusión o día de mañá, porque se hai algo do que estou segura, é de que o día de hoxe encantoume e estou disposta a repetilo de novo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario