Archivo del blog

lunes, 5 de noviembre de 2018

Primeiro día!

Hoxe espertei máis cedo do habitual xa que estaba tan nerviosa de non conseguir chegar a tempo ó primeiro día na Escola Infantil que puxen a alarma unha hora antes do que acostumaba. 
Acudín dende as nove da mañá a Escola Infantil Paparolo, en Santiago de Compostela. Era unha escola que xa coñecía, xa que xa me pasara varias veces a visitala antes de comezar as prácticas e polo tanto tamén coñecía as mestras que alí levan a cabo a súa labor e tamén o director da escola que é o meu titor. O que si descoñecía era as crianzas que alí se educan.
Mentres todos os nenos e nenas ían chegando, había algún que xa levaba alí unhas horas durmindo na sala de madrugadores e outros que estaban xa espertando. Durante ese tempo o meu titor primeiro ensinoume onde podía gardar as miñas cousas e logo  foime presentando os que estaban alí e tamén a outra compañeira de prácticas que está na mesma escola. 
Unha vez que todas as crianzas estaban na escola presentoume coma a nova “profe Eva”, nese momento os meus nervios foron desaparecendo e funme sentindo máis integrada. 
A xornada nesta escola comeza na biblioteca, os nenos e nenas máis maiores reúnense alí e déixaselles tempo libre para que exploren os diferentes contos e se relacionen cos demais compañeiros e compañeiras. Neste momento as crianzas non me sacaban o ollo de encima xa que era algo novo na súa rutina diaria. 
Despois duns minutos de que os nenos e nenas se fosen dando conta de que xa estaban na escola e fosen acabando de espertar (xa que algúns aínda viñan medio durmidos da casa), pasamos á zona de xogo simbólico. 
Neste momento tamén os máis pequenos estaban espertando e xunto coas outras dúas mestras encargadas e ca outra persoa de prácticas xuntamos a todos os nenos e nenas das distintas idades nesa zona. 
Aquí cada un andaba o seu, co seu grupo de amigos, ou algún el só. Agora eu xa comezaba a representar para eles tamén unha figura de confianza e algún xa comeza a achegarse con algún xoguete para que lle fixese caso ou simplemente tentaban chamar a miña atención xirando o meu redor ou tirándose en fronte miña. Nese momento xa comecei a coñecer mellor a algún deles e as mestras de vez en cando tamén viñan a explicarme porque o facía cada un deles ou con que cousas tiña que ter máis coidado á hora de prestarlles atención como por exemplo a cales non debería coller no colo para non acostumalos a que chamando a atención conseguirían o seu obxectivo ou a cales debería atender e axudarlle a seguir coa actividade. 
seguinte que fixemos foi dividir os nenos e nenas máis maiores segundo os que ían ou no a actividade de Inglés. Os que ían debían poñer as botas de auga e as chaquetas mentres os outros quedarían na sala de xogo cunha das mestras. 
Eu e a outra chica de prácticas acompañamos a aquelas crianzas que ían a actividade e polo tanto axudamos a vestir a chaqueta e a cambiar o calzado e colocámolos nunha fila ó longo dunha corda na que foron agarrados até chegar a academia de inglés a que nos acompañou a outra mestra. 
Alí outra mestra traballou con eles. Cantaron un par de cancións de benvida, aprenderon os nomes de algúns animais, pintaron uns debuxos e despedíronse con outra canción. A volta foi similar o que fixemos na escola infantil, axudamos a vestilos e a poñerse na fila e volvemos á escola.
Unha vez alí, cambiámolos de novo, reunimos aos que non viñeron a actividade e xuntámonos todos na biblioteca onde Alex faría de conta contos. Eu aquí so actuei de observadora e axudaba a sentar ben a algunha crianza cando se movía do sitio ou a recuperar a atención de algunha que se dispersaba con outras cousas. 
Xa estábamos chegando o remate da mañá polo que o mestre propuxo facer unha actividade de puzzles e unha última de construción na que o titor me deixou soa cos nenos e nenas e me explicou máis ou menos cales precisaban de máis axuda e cales era mellor que os deixase traballar sos. Uns minutos máis tarde el volveu e comezou a mandar vestirse a aquelas crianzas que non quedaban para a tarde e que en breves pasarían a recollelos. Polo tanto, vestimos a eses nenos e nenas e saíron. 
Xa quedaban poucos e o que fixemos foi ler outros contos pero esta vez fixémolo eu e a outra chica de prácticas. Mentres uns nos prestaban atención, outros ían saíndo co mestre para o comedor xa que era a hora de comer. Así lemos un par de contos até que todos acabaron de comer e unha vez que acabaron puxémolos a durmir noutra sala xa que chegara a hora da sesta. 
Sen darme conta, mentres as crianzas ían quedando durmidas, a miña xornada acabara. O titor mandoume recoller de novo as cousas na sala na que as deixara o principio da mañá e díxome que podía marchar, xa que agora os nenos e nenas que quedaban na escola (que xa eran poucos), quedaban xa durmindo e estarían así até que chegaran as crianzas da tarde para levar a cabo unha sesión similar.
Saín da escola moi contenta e considero que foi unha experiencia fantástica, moito mellor incluso do que me imaxinaba. Sentinme moi integrada na escola e dinme conta de que traballar con nenos e nenas sempre ten recompensa xa que eles sempre teñen unha mostra de cariño para ti. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario