Hoxe foi o meu primeiro día no Centro de Educación Infantil Dolores Ramos (Colexio Peleteiro). Como me indicara a directora a semana pasada, acudín ao centro 15 minutos antes para que me ensinase as instalacións e me presentase ao equipo docente, principalmente á miña titora. Unha vez realizadas as presentacións, agardei na aula a que chegasen todas as nenas e nenos. Estes son acompañados polos pais/nais até uns armarios que se sitúan fóra da aula, onde deixan as mochilas e abrigos e colocan o mandilón (hoxe, ao ter psicomotricidade, o alumnado ía en chándal polo que xa non puxeron o mandilón).
A clase que me tocou é a de cinco anos (5 B). Aínda así, a titora desta clase é co-titora de 5 A, polo que estiven con alumnado de ambas clases (sitúanse xusto ao lado). Isto débese a que é un centro plurilingüe e teñen boa parte do día en inglés.
Unha vez que chegaron todos, a mestra presentoume aos nenos e a unha mestra de apoio que ía estar na aula.
A primeira actividade que lles tiña proposta partía dunhas carpetas que tiñan que coller. Cada un tiña a súa e nelas había diverso material como contas de plástico, tarxetas con números, unha cinta métrica, imáns con diferentes figuras xeométricas... Primeiro, os nenos exploraron o material. A continuación, sacaron a cinta métrica da bolsa para ver como era. Despois, sacaron as tarxetas cos números 7, 8 e 9 (xa que os demais xa os traballaran en cursos anteriores), e a mestra debuxoulles unhas frechas que debían seguir cos dedos para saber como se escriben. Despois, tiveron que sacar os imáns e repartímoslles unhas pizarras magnéticas onde debían representar certas figuras que había no encerado (unha persoa, un castelo…).
Ao rematar, gardaron a carpeta e sentáronse no chan a modo de asemblea. A mestra sacou o nome da que sería a maquinista esta semana e ela foi a encargada de colocar as fotos dos que non estaban na clase no mural da casa. Ademais, entre todos dixeron o día de hoxe e os demais días da semana. A continuación, dixeron os meses do ano e a mestra puxo na pizarra dixital unha canción que falaba deles.
Sentados a modo de asemblea, a mestra comezou a falar da letra “I”. Unha vez que explicou os distintos traxes que esta pode levar e como se escribe na pauta que eles teñen, os nenos sentáronse e tiveron que escribir cun rotulador o I maiúsculo e minúsculo. Ademais, entegoulles unhas fichas onde deberían repasar ambas íes, escribir o nome “iguana” e colorear o seu correspondente debuxo. Cando remataron esta actividade xa era hora do recreo polo que as nenas e nenos baixaron ao patio interior. Había alumnado que levaba merenda mais no patio había cartóns de leite, galletas e froita para quen quixese merendar. Neste intervalo de tempo eu estiven na sala de profesores xa que non lle tocaba patio á miña titora.
Unha vez rematado o recreo a miña clase (5 B) quedou no patio para ter psicomotricidade e eu subín á aula con 5 A. Foi estraño xa que xa me acostumara á outra clase e comezaba a aprender os nomes, polo que foi como comezar de 0.
Á volta do recreo a mestra púxolle unha canción e os nenos tumbáronse no chan boca arriba, mentres a mestra lles daba instruccións como estirar as pernas, pechar os ollos, por as mans no peito, respirar profundamente… Unha vez feito este exercicio de relaxación a mestra comezou a explicar a letra “G”. Para isto apoiouse no País das Letras, pondo un vídeo, un conto, etc. Despois, entregoulles unhas fichas onde aparecía a letra G (a bibliotecaria) e algúns obxectos que se escriben con esta letra (gorro, guante, gafas…). Os nenos deberían poñer o nome dos obxectos debaixo (para isto apoiábanse na pizarra dixital xa que nela aparecían ditas palabras). Ao rematar esta actividade era hora de saír así que os nenos que van ao comedor baixaron a el e eu acompañei aos que comen en casa á porta.
Ao volver pola tarde seguimos traballando coa letra G a través dunhas fichas onde debían pintala, repasala e copiala. Unha vez que remataron, a mestra procedeu a contar un conto que unha das alumnas trouxera a semana pasada. Para rematar a xornada da tarde, veu a mestra de música á aula. O que fixo foi contar dous contos acompañados de cancións e, ademais, trouxo a clase uns tubos chamados Boomwhakcers que facían o sonido das notas da escala musical se eran golpeados contra o chan.
Despois da clase de música xa era hora de recoller polo que os nenos saíron pouco a pouco ao armario do corredor para vestirse, ademais de coller unha mazá para a merenda antes de saír.
En conclusión, a miña labor foi maioritariamente de observación, xa que as actividades propostas eran explicadas pola mestra. Aínda así, eu ía polas mesas mentres realizaban as tarefas (a maior parte do tempo) para resolver dúbidas e axudar, até o punto de que moitas veces xa eran os nenos quen me chamaban.
Foi un día cansado pero emocionante. Penso que vou aprender moito nas 6 semanas que teño de clase e considero que é un privilexio poder estar en contacto con dúas clases diferentes xa que a pesar de ter todas a mesma idade, existen grandes diferenzas dun grupo ao outro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario