14-12-2018
O día de hoxe comezou coma todos, pero cunha tristeza
existencial que non se podía obviar. Seguimos as mesmas rutinas que sempre,
chegamos á aula e quitamos as mochilas e as chaquetas e puxemos o mandilón. Mentres
eu axudaba a colocar algún que outro botón rebelde, Ángela escribiu o nome da
encargada no taboleiro. Un dos nenos que vai máis avanzado en materia de
lectura alzou rapidamente a voz para dicir de quen se trataba, mentres que a
nena negaba coa cabeza que fora ela de quen se trabase. A mestra preguntoulle
ao rapaz que por que sabía que era ese nome e indicou cal era a primeira letra
e que na clase non había outro nome con esa letra de primeira. A nena, mentres tanto,
mirou para o nome bordado do seu mandilón. Acto seguido, levantou a man, riuse,
e dixo: soy yo la encargada! E sen
que mediaramos palabra foi rapidamente para o lado do taboleiro. Mentres chamabamos
ao resto de mesas para que se sentasen, ela tomou a iniciativa e xa se puxo a
escribir o seu nome, neste momento indiqueille que tiña que agardar a que todos
estiveran sentados e agardou dando pequenos saltos de alegría. Así que fixemos
todas as rutinas da asemblea contámoslle aos nenos e as nenas o que iamos facer
a continuación pois hoxe viña o avó dun dos nenos da clase para falarnos sobre
as setas. Mentres Ángela ía buscar ao avó do neno, eu quedei en clase con eles
cantando, ían pedindo cancións e axudábanme con aquelas que non sabía tan ben.
Chegou o avó do alumno e presentouse aos nenos
e as nenas. Sentouse nunha cadeira que lle tiñamos preparada xa para el e
empezou a falar. Comentou as características das setas, como se chaman cada
unha das súas partes e a forma de diferenciar aquelas que son velenosas. Tamén lles
trouxo unhas poucas para que viran e tocaran. Por último, quitou unha lupa con
luz da súa bolsa e propúxolles aos nenos e as nenas que foran de un en un ver
de cerca as diferentes partes das setas. Unha vez que rematou, os nenos e as
nenas déronlle as grazas e un aplauso e sentáronse no seu sitio pois íamos facer
unha nova tarefa. Repartimos folios e lapis e cada un debuxou unha seta,
intentando facer cada unha das súas partes, algunhas quedaron
extraordinariamente ben!
Como aínda faltaba algo para o recreo,
organizamos o xogo por recunchos, distribuímos o material e elixían libremente
a que recuncho ir. Hoxe xa non houbo tantas preguntas acerca de que facer e en
que recuncho lles tocaba. Aproximábase o recreo e con el a recollida... unha
vez que todo estaba recollido, e como sobraba algo de tempo, ensaiamos a
canción do festival. Puxémonos á fila e saímos ao recreo. Hoxe tiñamos garda, e
como case todos os días, tiña que estar atenta do neno e da nena que xa teño
comentado outras veces.
Isto a veces resulta difícil, pois sempre hai algún neno
ou nena que che ven falar, e nun segundo que te despistas pasan a estar na
outra punta ou metidos nunha pelexa. As apertas que me deron hoxe no recreo
tiñan un sabor agridoce... pero, para que unha nova etapa poida empezar hai que
pechar outra...
Cando rematou o recreo non volvimos a clase
con eles, pois o profesor de apoio díxonos que como xa tiveramos garda que
aproveitaramos para facer outras cousas. E así foi, colocamos todos os debuxos
das setas, indicando por detrás o que era, colocamos no papel da plastificadora
as fotos que nos foron mandando esta semana para o libro das familias... e xa
era hora de volver. Estaban rematando de merendar. Ángela deulles o chocolate
do calendario que hai en clase aos dous nenos que lles tocaba e eu dinlles unhas
gominolas que lles levara por ser o meu último día. Neste momento, a encargada
deume un dos regalos que me prepararan, unha especie de orla coa pegada das
súas mans e encima a súa foto. Mentres remataron de recoller a plastilina coa
que estaban xogando os que xa remataran de merendar e Ángela ía plastificar as
fotos, eu organicei o xogo por recunchos, outra vez libre.
Cada vez empeza a funcionar mellor o de que se organicen
libremente. A pesar de que moitos queren estar cos seus amigos e amigas, tamén
van rotando en función das súas intereses, por exemplo, hoxe un neno e unha
nena que non se separan nin con auga, estaban xogando xuntos cuns puzzles, estaban
algo aburridos, pois xa estiveran con eles á primeira hora da mañá. Viron o
novo xogo das letras co que eu estaba e viñeron. O xogo consistía en relacionar
a foto dos compañeiros co seu nome. Para isto había unhas tarxetas nas que
aparecían todos os nomes da clase metidas nunha caixiña e por outro lado outra
caixiña só con letras. Unha vez que atopaban o nome do compañeiro, pegabano no
velcro que había na parte superior do folio. Así que estaba esta primeira parte
realizada, tiñan que buscar as letras que formaban ese nome na caixa das
letras. A nena pronto se cansou e cambiou de recuncho para o de lectura. O neno
tardou en aburrirse, fixo o seu nome e o de varios compañeiros e, así que se
decatou de que a súa amiga estaba no recuncho da lectura e que estaba a ler un
dos seus libros favoritos, recolleu e foi con ela.
Ese novo xogo de lectura e escritura tivo unha moi boa
acollida, case todos mostraron interese por el, algúns máis que outros. Observando
o xogo, dinme conta de que a moitos lles custa identificar moitas das letras,
pois non distinguen o seu nome sequera. Para isto, fixen intentos de
seleccionarlle tres – catro nomes (poñendo entre eles o seu) e aínda así non
eran quen de diferencialo. Por outro lado, unha rapaza, pedíame axuda para
atopar o nome dos compañeiros, pois na caixa (cos 25 nomes) non o daba atopado.
Para isto, ao igual que no caso anterior seleccionáballe uns poucos e indicáballe
por que letra empezaba o nome da compañeira, era bastante rápida coa resposta. Foi
por isto, que cada vez que quería repetir, ía aumentando un pouco o nivel de
dificultade, poñendolle algún nome máis ou mesmo dous que empezasen pola mesma
letra, aínda así era quen de distinguilo. O seguinte paso foi deixar de dicir por
que letra empezaba o nome e que o dixera ela. Seguía sabendo desenvolverse. Coa
segunda parte do xogo non atopou moita dificultade, sinalaba no nome que xa tiña
pegado as letras e ía poñéndoas abaixo por rigoroso orde, ata que atopara a
letra en cuestión non poñía a seguinte, aínda incluso se a atopaba. Caso distinto
ao doutro neno, a este case non lle había que axudar a buscar o nome. De xeito
autónomo collía a caixa e se despois de botar un bo rato buscando non atopaba,
si que pedía axuda. Cando a demandaba, ao igual que cos outros nenos e nenas,
seleccionaba varios nomes e collía. Este neno tamén ten bastante adquirida a
capacidade lectora polo que distingue bastante ben o nome dos compañeiros e das
compañeiras. Á hora de formalo coas letras si que tiña máis problema. Notei que
era totalmente consciente de que coñecía todas as letras do nome que estaba a
tentar formar, pois sen mirar moito para o referente buscaba todas as letras. Segundo
ía atopando ía colocando, pero facíao seguindo esta orde e non a orde do nome. Unha
vez que remataba de formalo eu pregúntaballe se arriba e abaixo poñía o mesmo e
se eran igual. Sorprendeume que a súa resposta fose que si. De seguido,
propúxenlle que se fora guiando co dedo, que puxera un na palabra de abaixo e
outro na de arriba para comprobar, e deixei que o fixera só, ao principio
contou o número de letras (é o que fan na asemblea) ao facer isto, díxenlle de
novo (e facendoo eu en voz alta para que se decatase) que dixera a letra número
un de arriba e a de abaixo, neste momento dixo: M! Acto seguido mirou para
abaixo e dixo: A! Mira profe, no es la misma letra! E empezou a cambialas ata
que estaban igual que arriba. Nos seguintes que fixo, volveu a facer o mesmo...
pegounas segundo as ía atopando e comprobaba ao final.
Chegou a hora da recollida. Unha vez todo
estaba listo, tocaba poñerse as chaquetas. Os venres adoitámoslles poñer un
corto, así que iso fixemos. Cando deu a hora, fixeron fila os nenos e as nenas
que van comer ao comedor. Todos me deron unha aperta e un bico e a min máis que
nunca me custaba gardar as bágoas nos ollos. Así que eles marcharon, fomos chamando
aos nenos e nenas que non tiñan as chaquetas abrochadas ou que non tiñan a
mochila posta. Como de paso que viñan nos abrazaban e daban bicos, moitos levantáronse
correndo só para iso. Puxéronse a fila e tamén querían o seu bico e aperta como
os nenos e as nenas que foran a comedor. Saíron para fóra e marcharon.
Proba superada! Non derramei nin unha soa
bágoa dentro do recinto! Do que pasou de camiño a casa e unha vez que cheguei,
xa non me fago responsable!
Por moitas veces que o fagamos, estas despedidas sempre
son súper tristes... para min xa é a 5º, pois as prácticas do Ciclo Superior de
Educación Infantil as fixen partidas en dous centros diferentes (un mes e medio
en cada centro), as prácticas do Curso de Monitor de Ocio e Tempo Libre, este
verán que traballei no campamento urbano de Melide e este Practicum I... odio
as despedidas e nunca me acostumarei a dicirlle adeus aos nenos e as nenas tan
alegremente.
Me siento completamente identificada con lo que cuentas, Aldara. Para mí es la primera, pero yo tampoco creo que me acostumbre nunca a este tipo de despedidas, el cariño que te muestran cada día, la alegría que contagian, las ganas de vivir... es increíble y no se puede describir con palabras.
ResponderEliminar