Archivo del blog

viernes, 14 de diciembre de 2018

Gratitude

Hoxe foi un día "intensito". As nenas, nenos e eu levabamos falando do que pasaría hoxe durante toda a semana: "Ana, ¿por qué te tienes que ir a tu cole?", "¿El viernes es tu último día? ¿Y no vas a volver? ¿Y quién nos va a ayudar?". A verdade é que foi a semana que máis rápido me pasou. 

O día, aparentemente, comezou coma outro calquera. Os venres ao principio da mañá estou (estaba 😢) con 5A. As nenas e nenos foron chegando a clase como de costume, entre "bos días", apertas e anécdotas. Cando xa estaban todas, puxéronse a traballar no seu libro das vogais, o cal xa comezaron onte. Nel, tiñan que recortar uns cromos onde aparecían palabras escritas con cada vogal (oso, araña..), escribir ditas palabras e repasar as vogais. 
Ao rematar, comezaron a facer unhas postais que en nadal lles levarán aos pais. Nestas vai incluido un código QR que enlaza cun vídeo no que dín "La clase de 5A os desea una feliz navidad" ademais dun papel que pon "Familia: os deseo una feliz navidad". Desta frase os nenos debían escribir só as vogais. O traballo de lecto-escritura é algo que lles soe custar dependendo do día, e hoxe foi un deses días regulares onde había que repetir moitas veces as cousas. 
Cando acabaron, a miña titora explicoulles que hoxe era o meu último día e deixoume un anaquiño soa con eles. Expliqueilles entón que eu tiña que volver ao meu colexio "de maiores", e que a pesar de estar triste por marchar, estaba moi contenta porque todos eles me ensinaran moitas cousas, entre elas, que teño que ser profe si ou si. Despois dinlles un pequeno agasallo a cada un deles. Consistía nunha pulseira feita cun lazo atado á inicial do seu nome e unha pequena pinza cunha árbore de nadal. A continuación, tiveron un tempo libre para facerme un debuxo e cando o remataron era hora de saír ao patio e eran os últimos minutos sendo profe de 5A. 
Despois do patio tocábame con 5B. Primeiro estiveron ensaiando o festival, que é o 19, e ao subir a clase a mestra de música deixoume falar con eles e darlle o mesmo agasallo que lles repartira aos de A. 
Cando nos demos conta era hora de xantar, e só me quedaban dúas horas do Prácticum por diante.
Pola tarde estiven na clase de 5B. Nada máis chegar, como cada tarde, recibíronme entre "Ana! Ana!", mais hoxe sumábaselle a frase "No quiero que te vayas". 
Primeiro fixemos o "Comparto mi cuento", que consiste en que cada semana un neno trae un conto para compartir coa clase e, ademais, os pais deseñan unha pequena actividade para que fagan todos. Hoxe encargueime eu de ler o conto, coa axuda do neno que o trouxo. Cando rematamos de lelo, de comentalo e de facer a actividade (era un busca as diferenzas), os nenos tiveron que rematar a carta dos reis magos e a continuación tiveron tempo libre para colorear debuxos de nadal ou para xogar cos disfraces. Ao ser o final de trimestre estanlle adicando moito tempo a traballar cousas sobre o nadal ou a dispoñer de máis tempo libre. 
Cando tocou o primeiro timbre tiveron que vestir os abrigos, gardar o mandilón, vaciar as botellas de auga e colocar a mochila. E así, nun abrir e pechar de ollos, rematara o meu último día no cole. 

A miña titora regaloume uns debuxos de nadal e unha ceras manley porque entre nós comentaramos fai unhas semanas que pintar nos relaxaba, polo que me pareceu un detalle. Ademais, fíxome unha postal e encadernoume os debuxos de todos os nenos cunha foto de cada clase.

A verdade é que me sinto moi agradecida co colexio, cos nenos e cos profesores en xeral, de aí o título da entrada. Saio con máis recursos dos que pensei e estiven tan cómoda dende o primeiro día que non teño ningunha dúbida de que escollín a profesión acertada. Oxalá os nenos aprenderan algo de min porque eu saio do cole 6 semanas despois enormemente rica. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario