Hoxe foi o meu último día de prácticas na Escola Infantil Paparolo. Espertei máis nerviosa que ningún outro día xa que non tiña ningunhas ganas de acabar con esta etapa e dábame moita pena despedirme de todas as crianzas. Por isto, espertei moito antes da hora a que acostumo espertar e non fun capaz de volver a durmir, levanteime e fun preparando as cousas para ir a escola.
Cheguei un pouco antes que de costume. Cando cheguei so había tres crianzas na escola e estaban na biblioteca cos mestres e coa miña compañeira. Cando deixei as miñas cousas, pasei para a biblioteca con eles e mentres observabamos como as crianzas miraban diferentes contos tamén íamos recibindo as familias e as novas crianzas a porta. Ademais, poñiámoslle o mandilón e deixabamos as súas cousas no lugar correspondente.
Cando todas as crianzas chegaron, a outra mestra tamén chegou xunto con elas e por isto, fixemos a división das máis pequenas para a área branda. Pasaron para esta zona xunto con todos os mestres e nos as dúas quedamos como de costume cos máis maiores. Despois dun anaco cos contos, como era venres e acabábase a semana da protagonista, xogamos por última vez cos seus xoguetes ate que chegou a hora do cumpre.
Esta semana tiñamos dous xuntos, como eran dúas nenas que eran da familia, as súas nais decidiron que era mellor que o celebrasen xuntas a pesares de que unha delas xa cumprira a semana anterior. Por iso, cando chegou esta hora mandamos recoller os xoguetes para a súa bolsa e pasamos a todas as crianzas para a área de usos múltiples. Alí os mestres xa tiñan preparadas unhas mesas con manteis e varias cadeiras para que se sentasen os nenos e nenas. Colocamos as nenas que celebraban o cumpre no medio da mesa e puxemos a tarta diante delas para que logo de cantarlle o ‘parabéns para ti’ puidesen soprar as velas. Logo, démoslle un anaco de biscoito a cada crianza e cando remataron de comer entregáronlle os regalos.
Ademais de entregarlle os regalos a eles, neste momento o mestre tamén trouxo un regalo para nos. Entregounos un paquete a cada unha e, como nos tamén trouxeramos un regalo para eles, entregámosllo. Non me esperaba para nada este detalle e fíxome moita ilusión que se acordaran tanto de nos polo que as dúas agradecemos ó mestre e as dúas mestras todo o que nos ensinaran e o ben que se portaran con nós. Ademais, tamén agradecemos os nenos e nenas o seu cariño e como ambas as dúas lles regalaramos contos, cando recollemos as mesas sentámolos na área branda e lémoslle os contos que lles regalaramos. O da miña compañeira xa o coñecían e gustáballe moito polo que estiveron moi atentos. O meu, a pesares de que non o coñecían gustoulle moito tamén e todos prestaron moita atención.
Despois destes momentos máis sentimentais, que xa serviron un pouco como despedida, pasamos a poñer música e deixalos bailar un pouco para distraerse e nos bailamos tamén con eles desfrutando da última xornada. Estivemos un anaco con esta actividade e logo apagamos a música e pasamos para a biblioteca de novo.
Para pasar, fixemos unha fila dos nenos e nenas máis maiores e paseinos para a biblioteca empregando a sinal de tráfico que eles xa coñecían mentres Yoli ía preparando as mesas. O chegar, sentou cada crianza nunha cadeira e a miña compañeira comezou facendo as actividades. Primeiro miramos o tempo e puxemos o debuxo adecuado no mural e logo traballamos as emocións a través do libro do monstro de cores e colocamos a foto de cada neno ou nena na cor correspondente. Estas dúas actividades realizounas ela mentres eu controlaba que todos os nenos e nenas permanecesen ben sentados e atentos á actividade.
Logo disto, pasamos a acabar a actividade coa que comezaramos onte e coa que ía cerrar a miña proposta na escola xa que non tiña tempo a traballar nada máis. Onte comezamos pintando o coche pero faltaba poñerlle as catro rodas e tamén uns ollos. Por isto, colocamos manteis nas mesas e a miña compañeira encargouse dunha e eu da outra. Puxemos unha barra de adhesivo e pouco a pouco fomos explicándolle como debían colocar as rodas e os ollos (primeiro botarlle o adhesivo e logo colocar cada peza no lugar correspondente) e tamén iamos axudando a aquelas crianzas que non eran capaces. Cando todos estaban listos, puxémolos a secar para que logo todos puidesen levar para a casa como recordo do traballo realizado na miña proposta.
Cando rematamos con isto, chegara a hora de comer polo que, recollemos todo o material e puxemos pezas de construción de madeira para que mentres se levaba a cabo esta actividade se puidesen ir dividindo as parellas para pasar ó comedor. Así, nos fomos observando como traballaban coas pezas e facendo torres e diferentes obxectos con eles mentres íamos pasando a algúns o comedor e recibindo os que xa comeran e xa foran o servizo.
Como última actividade, xa que era venres, fixemos un tren e pasamos a todas as crianzas para a área branda onde o mestre xa tiña preparado o ordenador para poder poñerlle un video. Esta actividade gustáballe moito as crianzas e permanecían moi atentas polo que hoxe, tocou un video de ‘Os Bolechas na rúa’, o cal servía tamén para repasar os contidos traballados na miña proposta.
Esta foi a última actividade da mañá e durante o transcurso delas as crianzas ían saíndo e éramos a miña compañeira de prácticas ou eu as que íamos levándoas a porta a xunta as súas familias para así despedirnos delas e ademais, entregarlle tamén o coche que fixeramos para que levasen para a casa.
Cando apenas quedaban dúas crianzas, chegara a miña hora de marchar polo que recollín as miñas cousas, despedinme das crianzas que faltaban e tamén de todos os mestres, agradecinlle moito todo o que me ensinaran e logo pasei a falar en privado co mestre. El explicoume que non cubrira os papeis pero que me podería pasar a recollelos o luns polo que, isto animoume un pouco máis xa que o luns podería volver a ver a todas estas crianzas.
Saín da escola moi contenta, moito máis que nunca. A pesares de que era o último día e non tiña ganas de acabar esta etapa, estaba moi orgullosa do traballo realizado cos nenos e nenas da escola e coa miña compañeira de prácticas e tamén feliz de desfrutar esta bonita etapa nunha escola infantil coma esta. Considero que fan un traballo moi bo con todas as crianzas que nela se educan e ademais os docentes son persoas fantásticas que me ensinaron un montón e me recibiron dende o primeiro día con toda confianza.
Dende logo foi a mellor etapa da carreira ata o momento e serviume para darme conta que escollera o camiño correcto. Non me da chegado a hora de comezar as seguintes!
No hay comentarios:
Publicar un comentario